sábado, 27 de julio de 2013

El dolor, capital Angrois. "Traxedia", de María Canosa


TRAXEDIA
Publicado por María Canosa en La Voz de Galicia. 27 Julio.

Tiven que deixar pasar moitas horas para poder escribir sen que me tremesen os dedos sobre o teclado. Son enxeñeira de camiños. En paro. Sobramos os técnicos. Cando comecei a estudar a carreira, fíxeno porque crin que a miña formación ía ter unha función social, que ía achegar un avance á sociedade na que vivo, e ao país do que son. Ao incorporarme ao mundo laboral axiña me decatei de que o deseño e creatividade pouco tiñan que dicir. As decisións ían ser case sempre políticas e económicas. O estado económico fomenta estas prácticas. Galicia carecía de boas comunicacións, por iso traballar na construción delas fainos crer que o país avanza. Pero eu non podo borrar da mente a imaxe do tren saíndose da vía. Un tren que levabamos anos agardando, e que, coma sempre, chega a Galicia con retraso. Fálase dun exceso de velocidade. De sistemas mixtos que non son os máis axeitados. De fallos no sistema de comunicación das balizas. Duns muros de contención que foron solicitados hai moito tempo. Quero crer que de nós, os técnicos, se acordan máis que para os informes a posteriori, despois dos accidentes e traxedias, cando xa é demasiado tarde. Do que estou segura é de que xamais esqueceremos a solidariedade deste pobo. Deses bombeiros que desconvocaron a folga para chegar axiña ao lugar do sinistro. Dos xornalistas e persoal sanitario que foran despedidos e volveron a traballar. Dos médicos que estaban de vacacións e apareceron na porta pedindo un pixama. De todos os veciños que carrexaron mantas, romperon cristais e axudaron a feridos e profesionais. Dos hoteis que cederon os cuartos baleiros. Dos doadores de sangue que colapsaron os servizos. Calquera deles era consciente de que toda axuda é pouca. Porque así somos nós, este pobo golpeado tantas veces. Podemos sentirnos orgullosos. Por iso, a todos os que espertan este sentimento, grazas.


No hay comentarios:

El Correo Gallego - Santiago - Titulares

EL PAÍS - Titulares - Galicia

TVG - Informativos - Titulares

Páginas más vistas en la última semana

Cartelera de Santiago (destacados)

Cartelera de Cine en Santiago

Cartelera de Cine en Santiago
Pulse para acceder