LV de luns a venres
Bajo la atenta mirada de Conde Roa, presente en calidad de abogado de sí mismo....
O avogado Luciano Prado, irmán da exportavoz do PPdeG, Paula Prado, compareceu este mediodía nos xulgados de Lugo para prestar declaración ante a xuíza instrutora da Operación Pokemon, Pilar de Lara.
Fíxoo concretamente no marco de dous das pezas nas que foi dividida a causa principal, que investiga a existencia dunha suposta trama de corrupción para obter contratos e concesións públicas.
Luciano Prado entrou na sede xudicial sen facer declaracións aos medios de comunicación que o esperaban ás portas dos Xulgados da Praza de Avilés e dirixiuse directamente ao despacho da xuíza instrutora da Operación Pokemon, aínda que non comezou a prestar declaración ata pasadas as doce e media.
Fontes xurídicas consultadas por EFE indicaron que Luciano Prado comparece hoxe ante a instrutora para ser interrogado sobre aspectos vinculados con dúas pezas diferentes da Operación Pokemon, de forma que foron convocados os avogados defensores dos imputados en ambas.
En concreto, segundo as mesmas fontes, foi citado para responder a preguntas no marco da peza dúas, a que investiga as actividades do grupo Vendex e as súas supostas manobras ilegais para facerse con contratos e concesións públicas en diversas administracións galegas.
De feito, o nome de Luciano Prado figura, precisamente, na providencia asinada pola xuíza instrutora o pasado 14 de xullo, na que, ademais de ordenar a transcrición das conversacións intervidas entre xullo de 2011 e outubro de 2012 ao delegado de Vendex en Galicia, José María Tutor, cita a declarar a case medio centenar de testemuñas.
A citada providencia foi notificada ás partes o pasado 16 de xullo, no marco da peza segunda do sumario, pero Luciano Prado responderá o interrogatorio a preguntas relacionadas con outra das partes nas que foi dividida a causa principal, en concreto coa que fai referencia á investigación no Concello da Coruña.
Para ese interrogatorio, foi convocada a representación legal dos imputados en ambas as pezas e entre os letrados presentes hoxe en Lugo para seguir a declaración de Luciano Prado, un grupo de catro ou cinco, estaba o exalcalde de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa.
Conde Roa, que non fixo declaracións aos medios de comunicación, si aclarou que a súa presenza no interrogatorio debíase á súa condición de avogado e non á súa imputación na causa.
Por outra banda, a instrutora citou para declarar mañá, a partir das catro e media da tarde, tamén en calidade de testemuña, a José Manuel Vilaboy Lois, o home que o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, sostén que confundiron con el os axentes de Vixilancia Aduaneira na gravación dunhas conversacións co xerente do grupo Vendex en Galicia, José María Tutor.
A xuíza De Lara imputou o alcalde de Ferrol en base a un informe elaborado polos investigadores de Vixilancia Aduaneira, que identificaron a Rey Varela como Josman, a persoa coa que se reuniu o delegado de Vendex en Galicia para facerlle unha suposta entrega de diñeiro destinada a financiar a campaña electoral.
Con todo, o rexedor local negou haberse reunido nunca con Tutor e precisou que Josman é o nome polo que é coñecido o propio Vilaboy Lois en Ferrol.
A instrución da Operación Pokemon non descansará nin en agosto, dado que a xuíza fixou polo menos unha declaración a mediados de mes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario