Por Belén Vázquez
Nunha recente entrevista, a
politóloga Belén Barreiro afirmaba que "Podemos se ha sentado en la silla
del PSOE y el PSOE de momento se ha quedado de pie" e, como parece que
algúns non entendedes moi ben as metáforas, haberá que traer a colación aquel
xogo de cadeiras nos que máis persoas que asentos danzan ao seu redor tentando
que os seus traseiros teñan acomodo de cara as vindeiras lexislaturas.
O socialismo galego leva anos
enfrascado nunha loita interna entre os puros e os impuros, entre os moitos
homes e poucas mulleres de partido e as moitas mulleres e poucos homes
independentes, entre os que dominan o partido aínda que non atraen á cidadanía
e os que atraen a cidadanía para dominar o partido, e mentres este siga a ser o
cleavage fundamental que define os
seus comportamentos e posturas, non vai haber suficientes cadeiras en xogo para
acoller tantos inquietos e insatisfeitos cus.
Buscar a orixe deste
desentendemento é remontarse aos tempos, como mínimo, de Emilio Pérez Touriño, aquel bo e xeneroso presidente ao que os
independentes lle coparon o goberno e ao que os varóns do partido nunca perdoaron
que regalase tantos carnés do vello Pablo
Iglesias a un movemento interesado de intelectuais universitarios sedentos
de control e de enriquecemento patrimonial.
Naqueles tempos as loitas de
poder entre os puros e os impuros xa tiveron como resultado máis de algún apuro
e a falta de sintonía no deseño dunha campaña autonómica nun contexto de crise
estatal, entre outros encontros e desencontros sobre o calendario electoral,
deron como resultado a derrota dun presidente, tristemente asumida como unha
vitoria polos puros, e da que os impuros
levan tempo agardando para executar a súa vinganza.
E como daqueles lodos veñen agora
estes barros, o enfrontamento non só está latente nas sedes das principais
agrupacións socialistas senón que se filtra e airea onde haxa algún xornalista
amigo que queira axudar á causa (des)informando ou algún funcionario, ou funcionaria,
de dubidosa profesionalidade disposto a facer dos recursos e medios públicos
unha contribución particular á campaña. E como os males deste "ismo" non
son endémicos, poden vostedes poñerlle o nome de calquera das principais cidades,
e mesmo de algunha pequenas vilas, que estes rotos ben se poden aplicar a
diferentes descosidos.
No caso de Santiago de
Compostela, que habitualmente é o que nos ocupa menos do que nos preocupa,
unha, que non é servidora, ben sabe que cada quen é ben libre de arrimarse á
arbore que mellor lle conveña, case tan ben como vostedes deberían saber que
detrás deses arrimes non hai máis que intereses espurios, en xeral e con
contadas e recontadas excepcións, por acadar algunha que outra contratación ou asistencia
técnica, unha partida orzamentaria para expoñer e poñer en valor as propias artes,
un posto ou carguiño para algún familiar moi válido que tivo que emigrar ou un
dos asentos no pleno municipal despois de exercer de "mamporrero"
intimidando a alcaldes e compañeiros que non teñen a ben apoiar a causa; e que
aínda que algúns poidan ou queiran recoñecerse nestes exemplos, non se
molesten, que de todos eles e de algunha delas hai bastantes exemplares nos
dous bandos da pureza.
Que aquí, e en Madrid, o de menos
para os uns e para os outros é afrontar un debate sobre a perda de apoio do seu
electorado, sobre os porqués da desconexión cos problemas da cidadanía ou sobre
como afrontar a chegada de outras forzas de esquerdas que poden pór en perigo
un bipartidismo do que, non só se teñen beneficiado senón co que ademais se
senten cómodos alternando.
E como se achega o inverno, e
este parece que pode ser máis duro sobre todo entre os que teñen máis fame, aí
vos deixo, para os que non queriades caldo, a primeira de algunha que outra
taza... que polo pan, para acompañalo, ben sei que sabedes bailar os cans.
4 comentarios:
"e, como parece que algúns non entendedes moi ben as metáforas"
Sabemos entendelas, grazas. É Vd. a que non as sabe empregar.
E do resto, por non faltarlle ao respecto públicamente, mellor non comento.
Al parecer hay personas que si no es faltando al respeto, no saben opinar. Pues sí, mejor callar entonces
Me lo pensaba leer todo. Pero como no me gusta que me llamen tonta , y como usted piensa que sus lectores deben de ser todos débiles mentales, va a ser mejor que lo deje. Esto debe ser para razas superiores.
Y digo yo, desde el mismo anonimato del que hacen ustedes tanto uso: ¿no les resultaría mejor, cuando vean 'Por Belén Vázquez', no leer esa publicación? Más que nada para evitarse el disgusto.
Publicar un comentario