Por Sardiña Asada
Resulta moi curioso o modo de traballo dalgunhas
editoriais. Algunhas parece que teñen distintos
tipos de escritores. Pero moi
distintos.
Parece que estean os que verdadeiramente lles
interesan, e logo, os que serven para cubrir subvencións, ou listaxes, ou
estatísticas.
Refírome a esas editoriais que publican varios
títulos ao ano, pero só promocionan unha pequena parte dos mesmos. Certos
autores venden milleiros deles, e outros, apenas un cento. Se a editorial segue
un mesmo criterio de calidade para a publicación dos textos, suponse que todos
eles teñen un acerto semellante no mercado, aínda que algún deles se poidan ver
beneficiados por diversos factores que os fagan conectar co público. Pero de aí
ao que acontece na realidade, quedan moitas cousas no camiño. Cales? Por
exemplo, a promoción en todos os ámbitos. Na aparición de catálogos, no envío
das novidades á prensa, no labor dos comerciais que os achegan aos colexios, na
distribución ás librerías, na colocación nos escaparates, na información ás
bibliotecas e entidades públicas… Publicidade ao fin e ao cabo.
Que si, que un libro bo sempre será un libro bo,
pero dentro deles, os máis vendidos non atenden só a razóns de calidade.
Isto axuda a facerse un nome na literatura ou a
desaparecer. Hai escritores que venden só con asinar, e tamén os hai que crean
ringleiras de seareiros agardando por unha sinatura súa nas feiras, con motivo.
O que non debermos esquecer nunca é que hai escritores moi bos con escasa
visibilidade. Destes, os que son discretos, poden chegar a desaparecer. Iso si,
seguro que son cos que contan para facer as presentacións dos outros
escritores, porque traballan e son responsables, e farán unha análise do libro
e un discurso fantástico. Vamos, que son bos escritores. Iso si, logo, os
mesmos editores que lle pediron que presentase o libro doutro colega, cando
teñan que publicarlle un libro, faranos agardar meses e meses, se é que
finalmente deciden sacalo á luz. Posiblemente non lle paguen nin dereitos de
autor, polo pouco que venderon dos seus exemplares, que non se molestaron en
presentar en ningún lugar da xeografía, nin presentar aos docentes. Ui… tal
como está o mundo editorial… igual ata pecha a empresa… que non te estrañe… Iso
si. Antes, publicarán a obra de fulano e amigo, que son coñecidos para o
público, ou para o mundo editorial. Incluso pode que sexa traballador da propia
editorial… e claro… venderá. Porque xa encargará el e os seus amigos de
colocalo o primeiro na páxina web, e levalo a canto centro de ensino poida (pagándolle),
e facendo sinaturas de libros nas feiras, e promocionándoo en prensa, ou
incluso na televisión, e falando del na radio, e dedicando a campaña de vendas
a promocionar a obra polas librerías adiante…
E xa llo presentará ese escritor tan agradable,
que ademais escribe moi ben e fai unhas presentacións marabillosas.
Se cadra podiamos publicarlle un libro, cunha
subvención. E xa está. Despreocúpome do libro e tamén del por unha tempada.
Que cousas… isto é cultura…

No hay comentarios:
Publicar un comentario