jueves, 21 de febrero de 2013

Galardóns



Por...  Sardiña Asada

Remata un ano, apenas petiscamos no seguinte… e comezan as recompilacións, a memoria… e as seleccións. 
Igual que co cambio de tempada organizamos o armario, quitando a roupa de inverno para colocar a do verán, cos libros acontece algo semellante. 
Diversas asociacións, páxinas web, grupos… comezan a preguntarse cal foi o mellor libro do ano que xa rematou. Ou os mellores. E con ese recoñecemento, premian ao autor, editorial, ilustrador,… ou amigo, no peor dos casos. Porque, como son as bases destes concursos?, iso se as hai… 
Os visitantes á páxina, ou socios dunha entidade, poden votar ao que eles consideren o mellor en cada categoría. 
Pero… hai sequera unha listaxe deles? Quen axuda a informar sobre todos os libros que saíron á rúa? Algúns quedarán esquecidos na memoria… e igual se nola refrescan, poderían cambiar as tornas. Por outra banda, hai outros que apenas chegan ás librarías, ou colexios, sexa pola razón que sexa, pero non por iso deixan de ser libros extraordinarios. 

Así ocorren cousas curiosas. 
Que haxa varios libros que estean encadrados en distintas categorías. 
Que libros que saen do prelo en decembro, parece fosen lidos por moita máis xente que os que levan once meses no mercado. 
Que unha persoa poida votar quince veces, sen que ninguén saiba sequera se se molestou en ler parte do volume, é igual de válido que outras tantas que leron a metade dos que saíron ao prelo e fixeron unha análise dos mesmos. 
É curioso que case sempre nos soen os mesmos nomes… 

Hai máis. Se un quere informarse das últimas novidades, e pincha na páxina da editorial… perfectamente pode observar unha campaña de mercadotecnia. O libro que, presuntamente antes de saír á rúa, vai ter maior acollida, acapara xa os dous terzos do espazo físico da páxina… Pero está ben, dános unha pequena idea de a quen debemos votar… 

Os Best Sellers… ou os máis vendidos (en galego non sei se chegamos a ter verdadeiros Best Sellers), coinciden sempre cos mellores libros? Ou simplemente son os máis coñecidos? 
Está claro que deste xeito hai libros que, por moi bos que sexan, sempre estarán nun segundo plano, sen facérense visibles. 
Case todos os premios son subxectivos, pero algúns deles resultan, ademais, demasiado partidistas… 

Quizais non sexa doado artellar outro sistema, pero nos concursos literarios os traballos lense todos, e de aí sairán os premiados (segundo os gustos) dos membros do xurado. Sería de xustiza poética reivindicar que todos eles sexan valorados.


No hay comentarios:

El Correo Gallego - Santiago - Titulares

EL PAÍS - Titulares - Galicia

TVG - Informativos - Titulares

Páginas más vistas en la última semana

Cartelera de Santiago (destacados)

Cartelera de Cine en Santiago

Cartelera de Cine en Santiago
Pulse para acceder