jueves, 21 de marzo de 2013

Redes





Por Sardiña Asada

A vida está feita de redes, arañeiras, conexións. Cada un crea as súas como mellor entende, ou necesita.
Pero con isto das redes sociais… pode acabar por roubarlle espazo a esas outras redes coas que se entrecruza…
Falo da xente que no seu perfil comeza a colgar todos os momentos da súa vida. Cando almorza, cando vai a un acto, cando toma un café cun amigo, regresa a casa, colle o autobús, qué cea, cómo o fai… Só lle queda comentar cando visita o baño. Porque obviamente, os seus logros,… cóntaos absolutamente todos. É máis, faiche partícipes deles. Partícipe de parte. Porque apareces etiquetado en fotografías que non entendes qué teñen que ver contigo. Inclúete en listaxes que non teñen xeito ningún… e convídate a canto evento crea, sexa na China, sexa en Xapón. Envíache todas as notificacións dos seus éxitos, e incluso pode chegar a tomar a liberdade de facelo totalmente visible para os teus amigos ou seguidores.
Unha de dúas, ou é que fai as cousas sen pensar, ou é que es moito máis importante na súa vida do que ti imaxinaras nunca, porque parece que non pode facer nada sen contarcho, e sen contar contigo.
Queda outra opción… a de que sexa tan egocéntrico que só lle interesa o seu mundo, e ademais, espera que ti lle deas os parabéns por todo… Iso si. Nin se che ocorra a ti comentar algún día algo bo que che acaba de pasar. No mellor dos casos, non se dará conta do que aconteceu. Pero o máis probable é que lle pareza mal ese novo autobombo que estás a facer. Home, que el leva facéndoo toda a vida, así que ten o dereito gañado a peito, pero ti… que nunca dis nada… a ti como se che ocorre promoverte dese xeito?
E é que os teus amigos, eses mesmos que se aledan das novas que esta persoa lles comunicou a través de ti, porque nin a coñecen persoalmente, eses mesmos fanse os xordos cando a ti che pasa algo bo. E entón dis: Habería un apagón na rede hoxe? Sería demasiada casualidade que hoxe ninguén me diga nada, non? Así que pensas na mala sorte que tes, que para unha vez que che pasa algo, a xente non a pode ver… E ao día seguinte, revisas a túa actividade cibernética… Pero non se moveu nada aínda. Iso si, comentaron unha parvada que xurdiu hai pouco… Daquela… o teu, tiveron que velo… Se se aledan do descoñecido, como non o ían facer do teu?
Pois un consello. Nin se che ocorra preguntar. Porque vanche botar en cara que es un egocéntrico, e que se che subiron os fumes. Si, eses mesmos que se despois de estaren saturados dos que se coan na túa rede persoal, teñen que sufrir un pequeno comentario teu…
As cousas… son así. De tristes!
O único que nos queda é bloquear eses acosadores virtuais, facer que non vemos, e vivir no mísero anonimato, ata que poidamos aprender esa técnica de abordar aos demais sen que nos boten fóra.

No hay comentarios:

El Correo Gallego - Santiago - Titulares

EL PAÍS - Titulares - Galicia

TVG - Informativos - Titulares

Páginas más vistas en la última semana

Cartelera de Santiago (destacados)

Cartelera de Cine en Santiago

Cartelera de Cine en Santiago
Pulse para acceder