Por Sardiña Asada
Faite un club de fans. Iso
facilítao todo. É coma un pasaporte, con permiso a voar onde queiras.
Se fas un club de fans que che
sigan alá onde vaias, sen falar literalmente, claro está, será coma unha
patente de Corso. Xa podes escribir o que queiras no muro do teu facebook, por
moi burrada que sexa o que digas, e incendiar os escasos carácteres que che
deixa o twitter. Ou incluso crear un blog no que poidas permitirte dicir o que
queiras, sen límite de extensión. Porque a xente, eses que che seguen, van
aplaudir. E ti, serás feliz. Ningún vai poñer en dúbida o que digas, porque
para iso estás ti, que xa pensas por eles.
É máis. Podes escribir un
libro. O que queiras, e do que queiras. Dá igual o xénero, o tema. Non importan
os enclaves cronolóxicos nin os espaciais. É máis, non importa se hai algunha
incongruencia neste sentido. Ti escribe. Tan só tes que facelo decentemente, e
xa está. Publicarás. Ese libro e logo outros máis. Porque unha vez que tes un
club de fans, xa podes volver publicar.
Porque ademais, para iso
dispós de tantas plataformas escaparate nas que anuncialo, xa antes de que
saia, e logo unha vez que o presentes, e máis adiante cando xa o teñas
publicado e necesites que suban as vendas. Publicidade a tope. E veña outro libro
máis, que o primeiro saíu ben!
Pero todo pasa. E todo se
acaba. E un día os membros do club de fans son fans doutro club. E xa non che
fan tanto caso. E non compran os teus libros nin din amén a toda canta
barbaridade escribes nas redes sociais, nos xornais, e nas entrevistas da
radio. E podes pasar de ser unha eminencia a un pedante. Porque é moito máis
rápido baixar do pedestal que subir a el.
No hay comentarios:
Publicar un comentario