Por Belén Vázquez *
Ese podería ser un bo titular
para resumir a actualidade política de Compostela neste aburrido comezo de
semana senón fose porque os socialistas, ou polo menos os de Compostela, empeñados
en "despeñarse", levan unhas cantas horas saturando as liñas e copando
os medios con absurdas acusacións e prácticas lamentables, non só de pésimo
xornalismo senón de denigrante condición política.
Se ben todo se remonta a anos
atrás, moitos máis anos dos que, os que representan a renovación, lles queren
facer crer ás inxenuas xuventudes socialistas e moitos menos afilaidos e
afiliadas dos que, con mentiras, se pretende facer crer que entraron no bando
do "aparato", parece que tras o periplo do PP en Santiago de
Compostela a tensión e as aspiracións levaron aos dous bandos a amosar a peor calaña
da que se compón esta casta.
Por todos é sabido que nesta
liorta hai dous claros, bueno mellor dito diferenciados, bandos: o bando do
partido, que aínda que se debe ao vello e ferrolano Pablo Iglesias tamén ten
devoción por outros fontaneiros da política municipal, e o bando da
universidade, que se vende a outro ferrolano non tan bello pero que camiña en
procesión tras unha santa que promete profesións.
E como si dunha escena de Caballero sin espada se tratase, entre
manipulacións duns e malas artes doutros sae á luz, e con taquígrafo, a trama e
a as corruptelas que levan tempo tecendo, os do aparato e os da renovación, para
gañar as votacións das primarias das que sairá o candidato, ou candidata, para
edil na oposición, porque listo e visto o que se coce... a gobernar supoño que
xa non aspirarán!
Que os da renovación levan tempo
facendo das súas, afiliando a canto está disposto a afiliarse pola promesa dun
perfil de "community manager", o asesoramento en campaña, a redacción
dunhas páxinas nun programa electoral ou mesmo unhas cantos parágrafos nun
discurso sen moita transcendencia... pero os do aparato acaban de traspasar os
límites do decoro facendo públicos, e sen contemplacións, os enderezos dos
denominados "pisos-patera".
Que no caso dos primeiros
chámaselle invitar a amigos e familiares a participar nun proxecto a algo
semellante a cando Baltar pai invitaba a amigos e familiares a traballar na
Deputación; mentres que no caso dos segundos chámaselle xogar ao fútbol a
meterlle "un gol por toda a escuadra" a algo chamado lei de
protección de datos. Que uns apelan ao ámbito provincial porque saben que alí
contan con amigos que aínda deben favores dos tempos do bipartito galego ou de
cando houbo que alterar o nome de algún delegado para ir ao Congreso no que
querían apoiar á catalana, e outros agardan que resolva a dirección do partido
en Galicia por iso de que entre varóns anda a xogo e todos saben ben a quen
teñen que "varrer".
E aínda que non rodou ningunha
cabeza entretémonos contando as reses duns e dos outros, e entalándonos en
debates e discusións sobre si ata un máximo de 50 pódese considerar que o que
unha fai é tentar renovar as estruturas pero cando os números falan de 250 xa é
máis unha cuestión de manipulación... ben, sempre e cando queiramos dar por
válidos os datos que aporta cada quen, porque polos mentideiros fálase de que
aínda hai enderezos de pisos-pateras que non viron e luz e algunha filla
emigrada que tamén deberían computar como familia, ou de como á estratexia de
multiplicación dos pans e os peixes que planificaron uns rematou por
converterse nas vodas de Caná que rentabilizaron os outros, e o que antes
parecía auga agora tornouse en viño.
Agardo que esta vez non teñades
tantas queixas, xa que procurei e mesmo diría que me esmerei, en non insultar a
ninguén. Iso si, como tampouco viñen aquí facer amigos, que cantaba o outro,
recoméndovos que vaiades abrindo os olliños dunha "santa" vez, que de
seguir así algúns, e algunhas, ides quedar parvos de tanto mirar para o altar.
*Belén Vázquez es Licenciada en Ciencias Políticas y de la Administración por la USC
No hay comentarios:
Publicar un comentario