O xaponés afincado en Estados Unidos Ei-ichi Negishi e o británico Tim Hunt, ambos os dous recoñecidos co Premio Nobel na pasada década, estarán en Compostela os próximos meses convidados polo Programa ConCiencia de Divulgación científica que convocan a Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade coa colaboración da Cidada da Cultura.
Ambos os dous científicos manterán reunións científicas na USC con persoal investigador, encontros con medios de comunicación e pronunciarán unha conferencia pública de interese para o público xeral. Como novidade, ConCiencia traslada estas conferencias á Cidade da Cultura, cun servizo específico de autobuses desde a cidade a disposición de calquera persoa que desexe asistir.
Negishi
Ei-ichi Negishi (Xapón, 1935), da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica, o que permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa, que mellorou moitos aspectos da vida, dende a agricultura á medicina. A súa conferencia pública, titulada ‘ Catálise para un mundo próspero e sostible’, será o xoves 26 de abril ás 20.00 horas. O padriño de Negishi nesta visita será o profesor Ricardo Riguera.
A maioría das moléculas que forman os sistemas vivos na Terra están compostas por cadeas de átomos de carbono dispostas en diferentes formas. Na busca de novos métodos para construír enlaces entre eses átomos Negishi, un dos químicos orgánicos máis extensivamente citados, descubriu novas reaccións usando paladio e outros metais como catalizadores (elementos que fan que unha reacción química sexa posible ou se realice máis rápido). Estas reaccións melloraron dun xeito asombroso tanto o potencial como a eficiencia da química orgánica sintética e contribuíron substancialmente a posibilitar a construción de moléculas máis complexas.
Tim Hunt
O profesor Tim Hunt, que visitará a USC a comezos de maio apadriñado polo profesor da USC Anxo Vidal, compartiu o Nobel de Medicina en 2001 co estadounidense Leland Hartwell e co tamén británico Paul Nurse polos seus descubrimentos nos reguladores chave do ciclo celular. Hunt, que desempeña a súa carreira profesional no Imperial Cancer Research Fund (Reino Unido), ofrecerá a súa conferencia pública o mércores 9 ás 20.00 horas.
Hunt descubriu en 1982 unha proteína, chamada ciclina, cuxa presenza é necesaria para a división celular. As ciclinas están presentes en todos os organismos dende as unicelulares levaduras ata os humanos e funcionan a xeito dun reloxo que marca cando unha célula pode repartir o seu material xenético (na forma de cromosomas) entre as células fillas.
Este proceso é de crucial importancia en bioloxía non só porque controla cómo dunha única célula se poden orixinar as millóns de células diferentes que compoñen o corpo humano senón tamén porque se soubo que as alteracións nas ciclinas poden provocar a aparición do cancro.
Programa ConCiencia
O obxectivo de ConCiencia, programa iniciado en marzo de 2006 co científico suízo e Premio Nobel de Física en 1986 Heinrich Rohrer, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional.
A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas ou a Medicina -nestes seis pasados anos vinte Premios Nobel, dous Premios Abel e un Turing- débese en gran medida aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da USC e estes persoeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario