Por Belén Vázquez
Estupefacta. Esa é a palabra que describe o estado no que
quedei cando a pasada semana chegou ao meu coñecemento esta nova: un mozo
compostelán sufre unha presunta agresión por un asunto de identidade sexual.
A miña estupefacción non derivou de que no século XXI
aínda se produzan este tipo de feitos, só aos "progres" de estados e
de ficticia conciencia evolucionada lles pode parecer que vivimos nunha
sociedade tolerante e respectuosa, senón de que o presunto asunto sexa
comunicado a bombo e platillo por
unha organización política que, a falta de representación na corporación
municipal de Santiago de Compostela aspira a recoller un testemuño, non cedido,
doutras organizacións coloristas, unhas con longa traxectoria e recoñecido traballo
nese eido e algunha que outra con falta de cores para compoñer os sete do arco
da vella.
Será a miña mala
baba ou será que me parece moita coincidencia que o ataque se teña
producido contra o "coordinador da liberdade de expresión dos cariños e
dos polvos" dun partido que tenta acadar representación no consistorio
compostelán. Sexa como fora, non deixa de resultar sospeitoso que se producira
no inicio do curso político-escolar e que lle acontecera a un militante dun
partido político, partido todo sexa dito de paso que non se ten caracterizado
nunca pola implicación e loita na consecución de dereitos e liberdades das
persoas homosexuais pero que agora quere
ser o novo estandarte colorido da capital.
Afondando na nova unha descubre que un dos afectados explica,
grazas a pericia policial e casuística que lle outorga ter recibido unhas
cantas labazadas, que este tipo de feitos se deben ao aumento dos grupos de
ultradereita e como nestes intres ese é un tema dos que se baralla na axenda
política da formación alá polo centro estatal da toma de decisións, voilá: rolda de prensa e transcendencia
mediática.
Inxenua de min, estaba convencida de que este intento de
subirse ás carrozas xa non era efectivo, que a competencia electoral por acadar
o favor das persoas homosexuais xa non estaba na area política, en fin, que
pensaba que xa ningún político podía emular aquelas palabras de Harvey Milk e erguerse para berrar: O
meu nome é Xabier Ron e veño recrutarvos! Queda claro: estaba trabucada!
Eu, como boa "progre" que son, presumo de que teño moitas e boas amizades
que son homosexuais, de que convivo con elas e de que as entendo como persoas,
e ademais vou a canta manifestación ou concentración se organice en favor delas
e déixome fotografar... ai non, esa non son eu, esa é outra das formas nas que
algunha que tamén pelexa polo bastón de mando, e cuia labor consiste en acudir a
canto evento sociocultural se promove na cidade e ofrecer a casar a canto
destro e sinistro llo pida, ten de relacionarse con ese "colectivo",
como gustan de chamarlles.
Sumado isto ao anterior, só me queda dicir que mal imos
por esa liña de argumentación, mal traballamos cando tentamos buscar un
problema onde non o hai, mal coñecemos Compostela se pretendemos vender a imaxe
de que a cidadanía é homófoba e mal entendemos a relación coas e entre as
persoas cando non traballamos desde e para a normalidade.
Alea iacta est...e agora quen queira que "pique" nesta lea de
Aleas, que para algo defendemos e defenderemos a liberdade de elección!
No hay comentarios:
Publicar un comentario