Por Sardiña Asada
Hai quen o ve única e
exclusivamente unha feira industrial/empresarial, e polo tanto, só atopa
motivos económicos. Hai quen pensa que é unha conquista por parte da sociedade
galega. Hai quen ten medo que esta euforia anubre a verdadeira realidade da
nosa lingua. E hai a quen nin lle vai nin lle vén, nin tan sequera sabe qué
existe e qué se coce alí dentro, se é que se coce algo… Porque, coma en case
todo, neste tipo de eventos o peixe está practicamente vendido. Por iso hai
quen ve pasar o Culturgal coma un día máis no calendario.
Porque hai que ser conscientes
que, se ben ofrece algunha oportunidade, tamén é certo que a maior parte das
portas só quedan abertas aos de sempre. Aos que se publicitan e venden, non só
aos que traballan (moito e ben) e teñen cousas que contar.
Resulta curioso que no
Culturgal, e en case todos os eventos deste tipo (premios de recoñecemento,
condecoracións, eventos culturais varios, dentro e fóra do país, encontros cos
alumnos, presentacións e conversas…) sempre estean os mesmos. Do gran número de
libros que se publican ao ano (número cada vez menos, pois as editoriais todas
din que a situación é terrible), tan só se anuncian e promocionan uns poucos.
Curiosamente, case os mesmos que van ao Culturgal.
Apenas hai recoñecementos a
eses creadores que levan toda a vida traballando, publicando, loitando… Apenas
hai escritores e ilustradores “de sempre” que sexan convidados ao Culturgal.
Algún hai, si, pero poucos.
Como van coñecer os nosos
nenos e mozos a historia recente da nosa cultura se non lla contamos? Só
aparecen uns poucos… moi poucos… e sempre os mesmos. Non deberamos esquecer que
hai máis, e moi bos, e tremendamente importantes.
No Culturgal nin están todos
os que son, nin son todos os que están.
No hay comentarios:
Publicar un comentario