martes, 17 de septiembre de 2013

Santiago (d)e Compostela



Por Belén Vázquez

Nestes días nos que o independentismo e a soberanía nacional son temas de obrigada escritura, e como
servidora non só fala galego na intimidade, aproveito para reivindicar que, si Galicia non é España, Santiago tampouco é Compostela.

Ao abeiro dunhas verbas de Charles Dickens, “era a primavera da esperanza, era o inverno da desesperación”, vivo e convivo nun Santiago sombrío e con choiva e nunha Compostela con mil primaveras máis ou o que ven sendo o mesmo, concibo dúas cidades, mal chamadas unha, nas que, ao contrario do que reza a cita, é menos o que nos une e máis o que nos separa.

Santiago ten como patrón ao apóstolo e celebra o seu día como grande, aínda que nesa data xa non peche España; Compostela ten como iconas ás benqueridas Maruxa e Coralia e amosa o seu bravío na organización e “postureo” das festas do barrio de San Pedro.

Santiago saca aos santos e as galas para as procesións mentres Compostela saca ao Che a palestina ás manifestacións; o primeiro acolle canto turista e universitario ten a ben facer deste lugar o seu templo, a segunda sempre está disposta a que os parias da terra teñamos un sitio ao que pertencer, porque moitos viñemos estudar ou traballar a Santiago e co tempo quedamos a vivir en Compostela.

A Santiago sóbranlles funcionarios mentres que a Compostela fáltanlle postos de traballo. Un medra a base de donativos, axudas, oracións e subvencións, a outra mingua por falta de crédito e pulo ás iniciativas, xa non só locais senón tamén comarcais.

Santiago ten congresos de renome e atrae a intelectuais e premios Nobel ata a praza do Obradoiro; Compostela organiza algún que outro festival de cine e música, e alguén sempre cae polo Teatro Principal ou pola Capitol.

Os de Santiago viven no asfalto do remodelado ensanche; os de Compostela moran nas pedras, de arriba e de abaixo, sen rehabilitar., mentres que no inexistente centro, transitado por todos e habitado por ninguén, tan só conflúen demasiadas paradas de autobús dunha malograda, e mal obrada, estación.

Os chatos en Santiago tómanse pola rúa do Franco e arredores; en Compostela se non chega ata o cruceiro de San Pedro non podes dicir que andas de cañas, de tapa temos que escoller entre as “menudencias” exquisitas da Barrola ou as abundantes e incomprensibles mesturas do Cabalo Branco.

Compostela ten hippies, hipsters, rockeiros, heavies e algún que outro intento fracasado de moderno difícil de clasificar, Santiago ten...ten un real club de golf e un casino vido a menos en prestixio e a máis en afluencia.

A Cidade da Cultura construírona os que pensaban en Santiago e agora son algúns de Compostela os que tentan dotala de contidos, porque si Santiago sempre foi sobrado de vellos personaxes, Compostela non deixa de crear “bellos” persoeiros.

Santiago sempre vota á dereita pero ten tradición de gobernos socialistas, pola contra Compostela ten moito candidato de taberna sen alternativa nin chave de goberno. Unha mal vive do típico e aliméntase das lendas, o outro abusa do tópico e cébano as tradicións.

E nós, cidadanía moita aínda sen empadroar, percorremos as calles dun e as rúas da outra baixo a insignificancia estatística que nos caracteriza… aínda nos falta algún mínimo común múltiplo e sóbranos moito máximo común divisor.


El Correo Gallego - Santiago - Titulares

EL PAÍS - Titulares - Galicia

TVG - Informativos - Titulares

Páginas más vistas en la última semana

Cartelera de Santiago (destacados)

Cartelera de Cine en Santiago

Cartelera de Cine en Santiago
Pulse para acceder