Por Belén Vázquez
Como si do título da novela de Julio Verne se tratara, a viaxe que
debe realizar a cidadanía de Santiago de Compostela conta, á vez que desconta
desde hoxe ata a celebración das eleccións municipais, con oitenta días para
escoller. Ou eliximos un xiro, non se sabe aínda si copernicano ou pola contra e
moda kantiano, que evite ese nefasto e desalentador escenario no que algúns din
que vivimos ou optamos por xirar, nun golpe desesperado do destino, eses
trescentos sesenta graos dos que tanto e estupidamente se acostuma a falar e
que nos levan a ficar no mesmo punto.
Na novela que nos ocupa somos nós
quen lle dá vida ao personaxe de Phileas Fogg, coas súas constantes dúbidas, as
incesantes decepcións e algunha que outra desesperada e tormentosa inquedanza,
xa que o resto dos personaxes desta arriscada historia teñen os seus
"parteners" nunha serie de debuxos, que máis que animados a loitar
pola vitoria electoral semellan condenados a entreternos antes dun final que
eles mesmos parecen coñecer, aínda que non queren recoñecer.
Polo miúdo poderiamos entender
que Mr. Sullivan, ese cordeiro con pel de lobo que dirixe as nosas finanzas, é
o papel que encarna o actual alcalde de Compostela, quen sen moito esforzo na xestión
aínda que con bastante ruído nas decisións, representa a un personaxe traído a
colación, para impedir a coalición. A súa misión non é outra que garantir o
fracaso desa aventura na que se converteu mudar a desventura que padece a capital,
na que moitos son os que se queixan ás agochadas polas tabernas da actualidade pero
poucos os que se implican nas institucións da información.
Ante a ausencia doutro Rigodón, o
recentemente contratado maiordomo do PSdeG ten asumido esa arriscada empresa
que supón dar a volta ao noso comportamento electoral, aínda que non ten, nin
parece ser que tivo, moitas papeletas para que as súas eleccións, herdadas e
impostas, recaden o éxito necesario. Pola contra o seu compañeiro de circo,
Tico, repite candidatura desde a bancada nacionalista con máis fame que víveres
e coa misión de loitar pola supervivencia dos seus, fronte á fronte dos outros,
nunha travesía en solitario da que disque van quedar poucos superviventes e na
que será ese marcado acento español o que remate por pór fin as súas histéricas,
que xa non históricas, aspiracións.
E como non hai dous sen tres e a
todos nos ten que chegar o noso san Martiño, desde un punto externo a esta
recta final para coñecer ao novo rexedor, un terceiro posible candidato que fai
gala de vir da aldea gala, nunha esperpéntica carreira política que pospón de
momento o seu desembarco en San Caetano, ameaza con aterrar na capital para
arrimar sensibilidades e conformarse nunha especie de voto útil que dará
traballo temporal a uns cantos inútiles.
Seguindo o guión desta serie tan
animada de antropomórficos animais, queda por ver si algunha desas incipientes
candidaturas ten a ben rescatar á princesa Romy da queima na que se inmolou por
procurar o interese dos seus parentes, si xorde algún estraño Transfer sen
partido ou alternativa que dedique boa parte dos seus días, e dalgunhas noites,
a confabular contra o poder establecido e si algún ávido e voraz xornalista asume
o papel de Ralph e é quen de ir informándonos do acontecido, poñendo algo de
verdade e sentidiño a este traxecto cos días máis contados que cantados.
Haberá quen, apelando e esa tan
manida capitalidade, insista naquilo de que na cidade suspendida entre o cénit e o nadir o peor sempre está por
vir mais será responsabilidade nosa buscar o mellor xeito de narrar esta
historia, apostando por calquera das adaptacións desta andaina, e empregar
todos os medios para chegar, neste caso, a bo aeroporto. Queda por diante un
curto percorrido, cheo de desventuras e reencontros do que, se o tempo
acompaña, habemos de ir dando malvada conta. Ao fin e ao cabo, como xa cantaba
Mocedades na cabeceira da citada serie, do que se trata é de que o pasemos ben.
E sexa como fora ou fóra como sexa, o único certo é que "son, oitenta días
son, oitenta nada máis...".
1 comentario:
Un silloncito para xose anton lópez en el concello, por caridad. senón o consigue desta seguirá dalle que dalle, reencarnándose no que sexa hasta conseguir vivir da mamandurria pública. Canedo é outro patético clon do que non debe ser un representante público, un osado arribista. Esto es un castigo divino, la ciudad no levanta cabeza ¿que hemos hecho para merecer estos patéticos aspirantes a gobernar nuestro concello?
Publicar un comentario