jueves, 5 de septiembre de 2013

Deixade que a política se achegue a min…


Por Belén Vázquez


Nun país no que todo o mundo sabe de fútbol, de política e, en épocas electorais, de enquisas é difícil abordar calquera análise da realidade sociopolítica sen quen alguén subliñe que os pobos teñen os gobernos que merecen, que a maioría falou nas urnas ou mesmo que os cambios sempre son bos porque impiden que os políticos se apoltronen nos cargos e rematen por volverse corruptos... e aínda que eses son os máis, tamén están os máis “doctos” na materia que adoitan facer profundas reflexións, reflexións que penduran no seu perfil nunha rede social, baseadas no argumentario dalgún líder mediático e nas que aluden á desconfianza política e á crise do sistema de partidos como síntomas da importancia da reforma da lei electoral. ¿A lei electoral? Si, xa sabedes, esa lei que todos coñecemos como o credo, pero que non hai ninguén nesta santa cidade que saiba “recitar”... o que ben sendo construír conciencia en base á opinión publicada, que habitualmente custa menos que a medición da opinión pública e ademais é máis moldeable aos intereses propios, e se cadra tamén aos alleos.

Nesa orde de estupideces sempre hai quen afirma que a política municipal é moi próxima aos cidadáns e que ademais o control e a transparencia veñen dados polo feito de no eido local todos somos á vez xuíz e parte. Vamos, que iso trasladado a Santiago de Compostela é case como afirmar que a nosa democracia é participativa, que a folla parroquial compostelá fai xornalismo humano e responsable e que a cidadanía xa sabía ben da vida e obra de Roberto Vidal Bolaño antes do 2013, que para algo vivimos na cidade berce da cultura e nai da meirande parte dos culturetas que exportamos ao exterior.

Mais a realidade ás veces é ben distinta, e aquí o único exercicio de política de proximidade que coñecemos era o que practicaba o anterior alcalde que, cunha libretiña na man, percorría as rúas de pedra da cidade tomando boa nota de todo aquilo mellorable e pasaba nota ao chegar as dependencias municipais, e con iso bastante facía o home, que para ir a camiños e corredoiras xa tiña ao segundo de abordo. Pero é que os de agora nin xuntos van de viños polo ensanche compostelán, que se pechan en quendas nun lateral da casa consistorial guiados polas modas que asumen os máis noviños e transgresores membros das novas xeracións!

De xuíces e literatura a cidadanía de Compostela sabemos algo, e as xuízas témolas presentes case que todos os días nas nosas portadas e oracións das nosas follas parroquiais. Ademais como parte que somos dunha sociedade informada, concienciada e participativa, somos dos que ante mal intencionados propósitos e manifestos despropósitos, manifestámonos e concentrámonos contra todo e contra todos e saímos ás rúas berrar, sempre que cadre nas horas antes de quedar a tomar uns viños ou ese domingo non haxa comida familiar nas vilas que nos viron nacer; iso si, preferiblemente se o conflito, tema ou reivindicación cae fora dos nosos lindes, por iso de que tamén pertencemos a unha sociedade solidaria e globalizada.
E así, como cidadáns próximos á política do noso concello e cun goberno municipal que sentimos preto de nós e que nos escoita, que atenden aos problemas reais da cidade e dá resposta ás nosas inquedanzas e necesidades, sóbranos tempo para amosar o carácter aberto que nos caracteriza sacándolle fotos a canto turista nos para pola rúa e para dar indicacións de como chegar a unha mal sinalada Praza do Obradoiro, na que se conxuga toda a esencia do ser e existir da nosa sociedade compostelá.
Tampouco hai que facer máis, ben sabido que Compostela é una cidade que se goberna soa e que vivimos da Universidade, da Xunta e dos que veñen de fóra guiadiños por una estrela que os leva ata o campus da vida.

Nesa composición esperpéntica da nosa realidade política, e cuns voceiros na oposición de perfil baixo, e “rechoncho”, ao máis que podemos aspirar no inicio deste curso político é a consolidar a un goberno moi preocupado e ocupado no mantemento das pedras e das fontes e no aforro enerxético dos farois da cidade, e mesmo das súas propias “ farolas”, e agardar que cos deberes dos libros de vacacións cubertos, algunhas saiban xa situar a Berenguela e outros o depósito de coches, e a corporación no seu conxunto, atendese e entendese as directrices explicadas  nas escolas de verán.

Como contrapunto ao punto, nos mentideiros fálase do desembarco do líder da aldea gala como alternativa e con opcións de goberno na capital, da necesidade de que haxa candidaturas populistas, ou populares como se lles queira chamar, como si das eleccións ao reitorado se tratase, e mesmo de que ex-persoeiros da política galega collan o temón na capital antes de os envites da quinta provincia fagan encallar o barco, ou mesmo terminen por afundilo.

Logo, e como se iso non fose abondo, están os aferrados ao pasado dos dous principais bandos: os que botan en falta os tempos do caudillo e que van de viños pola rúa que pensan que lle debe o nome a tan “alto” referente popular e os que seguen amentando ao Tierno Galván compostelán como exemplo de xestión dun urbanismo político que quizais, e só quizais, precise acometer algunha que outra reforma.
E ademais como en Compostela amanece que no es poco, e diso hai que dar grazas a deus e ao apóstolo cada día, asumimos a crenza de que todos somos continxentes pero o alcalde, sexa cal sexa e caian cantos caian, é necesario e punto, e a seguir contratando e pagando “pelotas”.


Mentres, como os tempos de informar e reformar aínda non son chegados e tampouco se lles espera, se nos deixan seguiremos a deformar a realidade… que si de algo podemos presumir é da sabedoría do Valle-Inclán, no que aínda que agora non proxectan películas, tamén sabemos onde adoita sentar na Alameda.


No hay comentarios:

El Correo Gallego - Santiago - Titulares

EL PAÍS - Titulares - Galicia

TVG - Informativos - Titulares

Páginas más vistas en la última semana

Cartelera de Santiago (destacados)

Cartelera de Cine en Santiago

Cartelera de Cine en Santiago
Pulse para acceder