lunes, 9 de septiembre de 2013

Obsolescencia xornalística...



Por Belén Vázquez

Cada vez que nace un proxecto empresarial no eido da comunicación, máis se este é en galego e ven da man dos considerados intelectuais e pensadores da esquerda nacionalista do país, os aplausos iniciais son tan enxordecedores que non queda outra que gardar silencio e agardar a que as luzes da presentación se apaguen e que, con público aínda sen acomodar nas súas butacas, alguén comunique a triste noticia da baixada definitiva do telón... disque a estupidez e o “cosmopaletismo” dun pobo que non merca suficientes entradas para ver tal sublime función aboca este tipo de obras a un prematuro e inevitable fracaso. Igual non acontece exactamente así, máis é o primeiro que me pasou pola cabeza ao ler un atractivo titular que rezaba algo como “o mellor xornalismo galego dá a luz”.

Botando unha ollada cara atrás calquera é quen de lembrarse de interesantes iniciativas encadradas no chamado cuarto poder que, non só nos ían facer coñecedores da realidade oculta e da verdade absoluta senón que ían remover e promover conciencias, dando ademais cabida a eses profesionais que tanto aprenderon nunha “denostada” carreira e que tan mal pagados están nun mercado laboral que non sabe darlle cabida nin saída a tan bos expedientes académicos. Despois resultou que para esas iniciativas sopraban outros ventos e que a realidade era outra, e a verdade ben distinta.

Recompoñéndonos aínda de aquel triste pasamento da sección noroeste do xornal global en español, e nun novo intento de equilibrar o saldo vexetativo negativo que caracteriza este terra, anúnciannos a chegada a este mundo do verdadeiro “adalid” comunicativo en galego. Algo novo si, mais no que están os de sempre e a bo seguro han de escribir do mesmo. Será que os seus blogs teñen máis entradas que saídas, que as televisións están cada máis lonxe dos fogares ou que tan prolífico enxeño non ten suficiente cabida nuns míseros cento corenta carácteres...sexa como fora, un novo medio aterra no conglomerado da comunicación e hai que darlle a benvida e de paso a oportunidade.

O xornalismo compostelán caracterízase pola coexistencia de dous modelos de comunicación preponderantes: o modelo oligárquico e de éxito, que como si dunha necrolóxica se tratara está conformado por pais, irmáns, tíos curmáns e demais familia, e que semella un cadro de bodegóns pictóricos dunha inexistente época de bonanza económica e prestixio social e o modelo que aglutina todo canto panfleto, paxina web ou espazo denominado alternativo e independente sexa quen de crear cada un en solitario, ou cos compañeiros que vaia atopando daquela esquecida etapa do Suso, na que a veracidade das fontes se contrastaba entre cafés na barra e manises no chan.

O primeiro modelo, grazas ao engorde que promoven as subvencións, ben de renovarse fai pouco optando por unha presentación/composición de bonecas rusas: mercas un xornal e atopas outro xornal e dentro deste outro, e así sucesivamente ata que chegues a algún folleto promocional que che faga esquecer a sección de conflitos internacionais e che informe de que hai unha oferta interesante de peituga de pavo ou de auga mineral no supermercado dos que viven como galegos.

O segundo modelo, alimentado sempre de boas intencións, está en constante renovación enerxética: nin se crea nin se destrúe, transfórmase para que os catro de sempre teñan sempre garantidos espazos nos que verter a súa opinión efervescente,  ofertando como xornalistas independentes na oposición a solución aos problemas que contribuíron a crear como como asesores políticos no goberno.


E ao auspicio desa clasificación, que obviamente ten tan pouco rigor como a opinión de quen a elabora, acubíllase aquela máxima de que sempre é mellor facer novas que lelas. E nesas seguimos, creando cada quen o seu propio medio de comunicación coa pretensión de facer da opinión información, e da exposición das crenzas propias as realidades alleas. Non se esquezan de mercar a súa entrada, que como diría o honorable Balzac: o xornal é unha tenda na que se vende ao público as palabras da mesma cor que as quere.

No hay comentarios:

El Correo Gallego - Santiago - Titulares

EL PAÍS - Titulares - Galicia

TVG - Informativos - Titulares

Páginas más vistas en la última semana

Cartelera de Santiago (destacados)

Cartelera de Cine en Santiago

Cartelera de Cine en Santiago
Pulse para acceder