miércoles, 17 de septiembre de 2014

PSdG: de purezas, impurezas e as súas asperezas (toma 2)

Por Belén Vázquez

 purezas, impurezas e as súas asperezas (toma 1)


Nestes últimos días parece inevitable ollar cara un territorio en liza, un territorio dividido en dous bandos, o dos que avogan polo si e o dos que se manteñen no tampouco, un territorio que parece decisivo para o devir de outros territorios, un territorio que ben podería ser Escocia, se non fose porque neste caso, como xa podían albiscar, ese territorio clave nestas asperezas narradas non é outro que a tan cobizada provincia de A Coruña.

No mapa das baronías provinciais, ese modelo tan común e definitorio da dereita do país pero no que o socialismo galego tamén foi repartindo a súas cotas de poder, o único territorio que foron quen de conquistar momentaneamente os impuros, e que sorpresivamente parece que poden perder, é a provincia do maltreito e dereito "vazquismo".

Si ben a de Lugo é a de Ourense disque foron repartidas entre dous puros contrarios á reelección de Emilio Pérez Touriño como presidente, e a de Pontevedra nos tempos de Abel Caballero máis que unha baronía converteuse nunha tiranía... , a de A Coruña foi e sigue a ser un polvorín, en máxima alerta, no que as posicións de uns e outros cada vez son máis contrarias e arbitrarias.

Si algúns aínda pensaban que o desencontro e afiliación "más-iva" eran produtos típicos de Santiago de Compostela, os feitos das últimas semanas mostran que A Coruña actualmente, e Ferrol proximamente, reproducen un mesmo modelo deseñado polos impuros para facerse coas candidaturas ás alcaldías e para manter así, ou mesmo sen elas, o pouco poder que lles outorgaba manexar esta dirección provincial.

Entender as diferentes posicións actuais é rebuscar nas hemerotecas aquelas posturas pasadas, que tanto no nivel provincial, como no galego e no estatal, mantiveron enfrontados os dous bandos e de cuias loitas e acusacións levan tempo dando conta os medios de comunicación. Que o que comezou como un tímido enfrontamento entre Pachi Vázquez e Elena Espinosa para afrontar a "afrenta" que supuxo aquela derrota electoral, foise encarnizando nas contendas entre Lage e Caamaño, Chacón e Rubalcaba ou Sánchez e Madina, cun último e actual capítulo, aínda por escribir, entre Besteiro e Caamaño do que dependerá, en boa medida, os resultados acadados nas vindeiras eleccións.

Foi por aqueles combates, por parroquias e por lindes, polo que os nichos do socialismo galego foron enchendo de cadáveres puros e esqueletos impuros os seus múltiples borralleiros, que aínda que non se oficiaron moitos enterros nin se publicaron as correspondentes necrolóxicas, nos últimos anos o reparto de cargos e encargos non foron outra cousa que a resolución de algunhas sentenzas de morte.
Escribira Emilio Pérez Touriño, naquel libro seu titulado O futuro é posible, que un dos seus maiores erros como presidente fora meter a Pachi Vázquez no Goberno... supoño que o diría porque desa decisión derivou en parte a súa propia derrota e porque supuxo o rexurdimento dun home gris, politicamente case acabado, convertido nun secretario xeral que ía gañando peso e forza na súa provincia, para máis cedo que tarde, como acaba de anunciar, optar a facerse coa alcaldía de Ourense.

 E porque das decisións duns viñeron as escisións de outros...e, entre estes dimes e os outros diretes, entre as dimisións que queren uns e as renuncias que piden os outros, entre o de non valen os alcaldes imputados aínda que poidan imputar a algún dos outros alcaldables e outras acusacións cruzadas e frustradas... foise fraguando o calendario para as vindeiras primarias.

Trátase dun calendario que lles deixa a uns o tempo suficiente para poder xustificar sondeos e facer sorteos e aos outros un espazo deficiente para recadar algúns fondos e sacar unhas poucas fotos, pero no que pouco se pode facer xa para mellorar esa imaxe de partido roto, fragmentado, de posicións antagónicas e intereses irreconciliables; esa imaxe na que os puños estrugaron as rosas e da que as mareas e outros movementos, rítmicos e sísmicos, han de sacar bo proveito.

Mais non tomen esta toma como punto de partida, aínda que ás veces non o pareza... algo de partido aínda queda.



No hay comentarios:

El Correo Gallego - Santiago - Titulares

EL PAÍS - Titulares - Galicia

TVG - Informativos - Titulares

Páginas más vistas en la última semana

Cartelera de Santiago (destacados)

Cartelera de Cine en Santiago

Cartelera de Cine en Santiago
Pulse para acceder